Aquí estamos de novo!
O primeiro, dicirvos que vos inclúo ao final deste post
un par de enlaces que penso que vos
gustarán.
O segundo, e o máis importantes, é comentarvos que estou moi
contento coas tarefas que me estades a
enviar. Vese que vos estades esforzando moito e a verdade é que os resultados
están sendo moi positivos. Alégrome enormemente, pois sei que non é para nada
doado ter que facer as tarefas sen os medios que nos ofrecen as clases
presenciais. Tedes moito mérito e estades a demostrar unha gran
responsabilidade. Moitísimos parabéns!
Aproveito tamén a
ocasión para dicirvos que todas as actividades que estades a facer neste
periodo tan excepcional (as de
autocorrección e tamén aqueles traballos que me enviades) teranse en conta para
a 3ª avaliación unicamente en sentido positivo.
En ningún caso serán valorados de xeito que non axuden a complementar positivamente
os resultados das dúas avaliacións anteriores. A 3ª avaliación, polo tanto,
será continua e sumativa; isto quere dicir que todas as tarefas que estades
realizando se terán en conta para as cualificacións desta avaliación así como
para a avaliación final da maneira que vos acabo de comentar, é dicir,
positivamente.
Polo tanto, seguiremos
avanzando pouco a pouco cos temas novos, concretamente naquelas
aprendizaxes imprescindibles e que considero que podedes ir realizando, a
pesares destas circunstancias, cun mínimo de cualidade e coa única intención de
axudarvos a que vaiades o mellor preparados que sexa posible ao remate do
curso. Ao mesmo tempo, seguirá sendo
necesario que fagades tamén aquelas
actividades que son de repaso e reforzo,
que son as que habitualmente
aparecen nas actividades de fin de trimestre, así
como aquelas que vos irei enviando de cando en vez.
Estas actividades de repaso
e reforzo son necesarias para todas e todos, pero moi especialmente, como xa
vos recordei con anterioridade, para
aqueles e aquelas de vós que tivestes máis dificultades nalgunha materia as
avaliacións pasadas. Cómpre realizalas con atención e repasando todo o que sexa necesario para que poidades
ir afianzando aqueles contidos que, por diferentes razóns, non quedaran
suficientemente ben aprendidos.
Supoño que xa estades todas/os ao corrente de que, segundo as novas instrucións da Consellería de Educación, para este terceiro trimestre, non se reanudarán as clases no colexio antes de
que remate o curso; e que debemos seguir coas clases tal e como o estivemos facendo ata agora..
Realmente non é unha boa noticia, pois todos/as tiñamos a esperanza de que
alomenos puidésemos xuntarnos algúns días antes de que rematasen as clases. Así
que, dadas as circunstancias, xa non sei se para finais do mes de xuño teremos
a posibilidade de vernos de novo dun xeito ou doutro. Sei que a todas e todos
vos gustaría moito e, desde logo, a min tamén, moito. Oxalá que, cun pouco de
sorte, se atope algunha maneira, sempre respectando as normas de distanciamento
e hixiene, por suposto, de que nos
poidamos reencontrar. Pero iso está aínda por ver.
Por último, gustaríame transmitirvos que hai que seguir mantendo esa forza e ese ánimo que tedes ben alto, e recordarvos que cada día que pasa é un día menos para recuperar a normalidade que tanto botamos en falta. E tamén, anímovos a que sigades traballando neste cole virtual tan ben como estivestes facendo ata agora.
Por certo, o vindeiro luns non temos cole (é un dos días libres que se escolleu no Rabadeira), así que será día sen deberes. Que o pasedes ben!
Por certo, o vindeiro luns non temos cole (é un dos días libres que se escolleu no Rabadeira), así que será día sen deberes. Que o pasedes ben!
A seguir coidándose!
Esta web que tedes a continuacion é una iniciativa, para
persoas pequenas e grandes, baseada nunha selección de obras de arte famosas
que recollen esceas de interior (sobre todo casas). A proposta consiste en
intentar “crear” a nosa propia obra intentando imitar un cadro que escollamos.
É unha actividade de dramatización, pero tamén de plástica e arte.
A web está en catalán, pero veredes que non é un problema.
As imaxes o din todo.
Probade e veredes como vos convertiredes en excelentes artistas máis facilmente do que pensades.
“ QuedAR’T a casa “
E mirade aquí que marabilla de paxariño. Un auténtico tenor. O Sinsonte, o paxaro das 400 voces.
E mirade este, por favor, é todo un espectáculo, é quèn de imitar practicamente calquera son. Non me credes? Pois comprobádeo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario